Unha entrevista a Guillerme Vázquez para gardar a que hoxe aparece nas páxinas do Xornal. De novo a referencia á "posición de país" fai tremer as columnas basilares do nacionalismo. É o que sucedeu co Plan Acuícola no bipartido e aínda antes con Reganosa.
"Ningunha das caixas fala de que vaia a manterse" posto que tanto Caixanova como Caixagalicia ían cara a absorción por caixas foráneas. Esta é unha "sensación" intemporal e fatalista. A evolución dos acontecementos indican que as primeiras intencións das respectivas caixas na dirección dos SIP's están a arrefecer. Se o debate social impulsado polo BNG con tanto énfase a prol da fusión se focase no sentido de defender unhas caixas autocentradas na Galiza, as cúpulas de Méndez e Gayoso terían que pensalo dúas veces e, a partir de aí, se podería tentar tornar as augas para que non fluísen para a veiga do veciño, con fusión ou sen ela.
"Foi o Bloque o que marcou a folla de ruta" xa que
"Os populares... chegaron a acercarse... o Bloque". No momento en que Frijoles se agarra á fusión das caixas como a un cravo ardendo, estaba na picota pola súa política de desfeita lingüística e a falta de iniciativas de goberno en xeral. O tema das caixas foi unha especie de salvavidas que está a utilizar e que non dubidará en abandonar cando lle interese. Non foi precisamente para pedir un baile (
"Mira como bailan Fernando Blanco e Feijóo", ironiza G. Vázquez) que o mesmo día en que aprobaba o rascuño do decretazo, cando se tratou o tema das caixas no Parlamento, Frijolito se achegase á bancada dos deputados nacionalistas para expresarlle os seus parabéns. Estaba todo medido.
Sobre as negociacións da Xunta con Madrid, afirma que
"O Executivo estatal decidiu iniciar estas relacións". Aínda que non é posíbel saber quen tivo a iniciativa de chamar a quen para a xuntanza previa entre Frijoles e a vicepresidenta primeira do goberno en Compostela, o que si é constatábel é que o presidente da Xunta conseguiu safarse dos marcos galicianos e liscou tranquilamente para Madrid deixando na casa ao BNG metido nun bote de cristal. Aínda non aterrara en Barajas e xa tiña aos seus interlocutores coa boca aberta, os cales, o que menos esperaban é que o interfecto lles propuxese un modelo de lei de caixas "á andaluza". Nada a ver, por suposto, co pacto asinado primeiro co BNG (o PSOE saíu da foto) e duplicado máis tarde no manifesto no que entran os "sindicatos". Malia todo Guillerme Vázquez porfía en asegurar que pase o que pase
"Non nos sentiremos traizoados".
Máis adiante, cando sinala que
"Votamos en contra do FROB no Congreso dos Deputados" non deixa de ser certo. O que xa non resulta tan coherente é a renuncia a instar ao goberno da Xunta a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o Decreto-Lei 9/2009 de reestruturación bancaria por invasión de competencias exclusivas. Por que se delegou no suposto bo facer de Frijoles, subestimando esta baza necesaria na negociación co goberno central? Desde logo, un exceso de confianza que non casa en absoluto coa sorprendente afirmación de que
"Non sei se todo isto é ou non un paripé".Que é unha política de arroutada metafísica con grandes doses de dogmatismo e simplismo suliñao o voceiro nacional do BNG cando retruca que
"Eu non estou aquí... para analisar as intencións de Feijóo". Con estas mentes pensantes; con estas ironías que non agochan máis que incapacidade e preguiza intelectual para analisar a realidade, despois que ninguén se sorprenda polos resultados.
"No último borrador da lei de caixas... non se recolle a obriga de falar en galego..." pregunta o entrevistador. A resposta non existe. Sinxelamente repítese o susurro de Santiago Rey:
"Nós ata o momento fixémolo esplendidamente"."O Bloque Nacionalista Galego pensa rotundamente que as caixas deben fusionarse". Pois ben, agora só fica agardar que cando chegue o momento da colleita o Bloque tome decisións tamén rotundas. Será moito pedir?